
O pasado 2 de xuño tivemos ocasión de participar nun proxecto da Deputación de Pontevedra. "Falemos de comercio" son unhas xornadas orientadas a empresarios e emprendedores nas que se expoñen negocios que están a resultar exitosos, ben sexa pola innovación, a distincción, a orixinalidade, a xestión de recursos, etc.
A nosa misión foi conciencialos de que a creatividade a imaxe xogan un papel fundamental á hora de competir nun sector onde a homoxeneidade é a principal dificultade a superar. Vender de xeito diferente, chegar a outros públicos, facer da propia compra toda unha experiencia para o consumidor, aportar valores engadidos aos produtos... son algúns dos obxectivos que non se centran nos números, mais axudan a chegar a eles.
Non fomos convocadas pola nosa propia aventura empresarial, he,he,he, senón para presentar o caso de Pecados de Compostela, ese proxecto no que tivemos a fortuna de traballar. A charla foi amena porque falabamos do coñecido e, igual que as nais falan dos seus fillos, fixemolo con ilusión e ganas. Agardamos que todos gozasen da experiencia tanto coma nós e agradecemos o convite a participar nesta iniciativa que axuda a facer entender a nosa profesión.
Ao rematar a exposición, un dos asistentes, encabezou a súa pregunta coa frase "vós vendedes sensacións..." con iso xa comprendimos que logramos transmitir a idea central. Ogallá teñamos a oportunidade de vender moitas máis sensacións, ilusións e soños.