En febreiro fomos a Barcelona á Graphispag Digital xunto co deseñador Óscar Otero (OOM). Quedamos un pouco decepcionados coa visita á propia feira, demasiada máquina e pouca innovación. O mellor, sen dúbida, as aulas Adobe (mágoa non poder asistir a todas as que queriamos).
Mais a cidade sempre ten algo que aportar aos que andan cos ollos abertos, polo que recollimos recordos de arte urbán, cartelismo e ese ambiente cosmopolita que a inunda. Visitamos a outro amigo deseñador, Nolo Botana, que nos falou da súa escola e nos amosou algún dos seus proxectos. Con el fomos o Museu del Disseny no que vimos unha interesante retrospectiva de cartelismo no que había exemplos de deseñadores galegos coma Uqui Permuy, Alberte Permuy ou Pepe Barro.
As librarías do MACBA e o CCB tamén aportaron o seu gran de area á nosa viaxe, sempre é unha delicia ver os catálogos de arte, os manuais de deseño e os artigos promocionais tan orixinais que teñen.
Percorrimos rúas co espíritu de Gaudí rodeándonos e paramos a mirar todos os escaparates, mais non para mercar (bueno, algunha cousiña sí... que nos coñecemos) senón para inspirarnos. Barcelona é para nós un lugar especial, Irene viviu alí e eu teño grandes amigos alí; voltaremos pronto, seguro.
A outra cousa...

Iniciamos en Compostela un grupo de amigos/as deseñadores/as cos que nos xuntamos unha vez ao mes para compartir experiencias, intercambiar libros, contar anécdotas e friquear un pouco do noso universo particular. Non son xornadas técnicas, é máis ben unha reunión de amigos na que desconectamos un pouco e intentamos sacarnos un sorriso. Xa van 3 Cafés D Turno, que é como se chama a cousa, e a verdade é que o pasamos moi ben. Temos en marcha unha biblioteca itinerante na que cada un aportou un libro relacionado coa publicidade, o deseño ou algunha disciplina que nos pode interesar; agora imos facer un concurso de "pincho creativo" e tamén un de chapas... quedan moitas iniciativas divertidas aínda no tinteiro. Agardamos que se sumen máis colegas de profesión.