8.10.09

CaféDTurno continúa a espallarse por Compostela

Os de Briefing Galego contactáronnos para que lles falasemos un pouquiño da iniciativa do CaféDTurno e iso fixemos. Aquí vai o enlace á entrevista, mais que todos saibades que o café non é unha cousa de ekinocio senón de moita máis xente que aportou dende o comezo o seu graniño de area. Graciñas e a seguir co grupo que esto só é o comezo.
http://www.briefinggalego.com/ 

Aniversarios e outras historias


Como moitos xa saberedes, ekinocio fixo cinco aniños. En resumidas contas diremos que foron anos de ilusión e esforzo, de traballo e superación e sobre todo de aprendizaxe. Dicimos esto último porque a nosa aventura empresarial é unha viaxe que nos leva por vieiros moi distintos, referímonos a eses proxectos de toda índole que entran pola porta poñéndonos a proba e nos obrigan a reciclarnos e seguir aprendendo todos os días. 

Temos moito que agradecer polo acontecido neste tempo; ás nosas familias e amigos por apoiarnos, aos clientes por confiar en nós, aos colegas por botarnos un cable sempre que fixo falla, aos proveedores por crernos cando dixemos "estamos seguras de que se pode facer", á competencia por manternos despertas, a internet por abrirnos fiestras ao que se fai no mundo do deseño, ás viaxes que nos permitiron respirar e coller forzas e inspiración... e a unha á outra por non tirar a toalla. 

Grazas a todos por acompañarnos na viaxe neste submarino verde. 

10.6.09

Falemos de comercio


O pasado 2 de xuño tivemos ocasión de participar nun proxecto da Deputación de Pontevedra. "Falemos de comercio" son unhas xornadas orientadas a empresarios e emprendedores nas que se expoñen negocios que están a resultar exitosos, ben sexa pola innovación, a distincción, a orixinalidade, a xestión de recursos, etc.  

A nosa misión foi conciencialos de que a creatividade a imaxe xogan un papel fundamental á hora de competir nun sector onde a homoxeneidade é a principal dificultade a superar. Vender de xeito diferente, chegar a outros públicos, facer da propia compra toda unha experiencia para o consumidor, aportar valores engadidos aos produtos... son algúns dos obxectivos que non se centran nos números, mais axudan a chegar a eles. 

Non fomos convocadas pola nosa propia aventura empresarial, he,he,he,  senón para presentar o caso de Pecados de Compostela, ese proxecto no que tivemos a fortuna de traballar. A charla foi amena porque falabamos do coñecido e, igual que as nais falan dos seus fillos,  fixemolo con ilusión e ganas. Agardamos que todos gozasen da experiencia tanto coma nós e agradecemos o convite a participar nesta iniciativa que axuda a facer entender a nosa profesión. 

Ao rematar a exposición, un dos asistentes, encabezou a súa pregunta coa frase "vós vendedes sensacións..." con iso xa comprendimos que logramos transmitir a idea central. Ogallá teñamos a oportunidade de vender moitas máis sensacións, ilusións e soños. 

8.5.09

Últimos eventos...

Buff, botóusenos o tempo enriba... imos facer unha actualización colectiva contándovos as últimas cousiñas nas que andivemos metidas.

En febreiro fomos a Barcelona á Graphispag Digital xunto co deseñador Óscar Otero (OOM). Quedamos un pouco decepcionados coa visita á propia feira, demasiada máquina e pouca innovación. O mellor, sen dúbida, as aulas Adobe (mágoa non poder asistir a todas as que queriamos). 


Mais a cidade sempre ten algo que aportar aos que andan cos ollos abertos, polo que recollimos recordos de arte urbán, cartelismo e ese ambiente cosmopolita que a inunda. Visitamos a outro amigo deseñador, Nolo Botana, que nos falou da súa escola e nos amosou algún dos seus proxectos. Con el fomos o Museu del Disseny no que vimos unha interesante retrospectiva de cartelismo no que había exemplos de deseñadores galegos coma Uqui Permuy, Alberte Permuy ou Pepe Barro. 

As librarías do MACBA e o CCB tamén aportaron o seu gran de area á nosa viaxe, sempre é unha delicia ver os catálogos de arte, os manuais de deseño e os artigos promocionais tan orixinais que teñen.

Percorrimos rúas co espíritu de Gaudí rodeándonos e paramos a mirar todos os escaparates, mais non para mercar (bueno, algunha cousiña sí... que nos coñecemos) senón para inspirarnos. Barcelona é para nós un lugar especial, Irene viviu alí e eu teño grandes amigos alí; voltaremos pronto, seguro.

A outra cousa... 


Iniciamos en Compostela un grupo de amigos/as deseñadores/as cos que nos xuntamos unha vez ao mes para compartir experiencias, intercambiar libros, contar anécdotas e friquear un pouco do noso universo particular. Non son xornadas técnicas, é máis ben unha reunión de amigos na que desconectamos un pouco e intentamos sacarnos un sorriso. Xa van 3 Cafés D Turno, que é como se chama a cousa, e a verdade é que o pasamos moi ben. Temos en marcha unha biblioteca itinerante na que cada un aportou un libro relacionado coa publicidade, o deseño ou algunha disciplina que nos pode interesar; agora imos facer un concurso de "pincho creativo" e tamén un de chapas... quedan moitas iniciativas divertidas aínda no tinteiro. Agardamos que se sumen máis colegas de profesión. 


23.2.09

Feliz entroido a todos!!!


Pasádeo todos ben nestes días de tolemia e desenfreno. Viva o entroido galego!!!

1.2.09

Creatividade Galega


Ekinocio leva dous anos aparecendo no anuario de Creatividade Galega. Nesta ocasión resultaron seleccionados 7 dos nosos traballos para a publicación, e tendo en conta a gran calidade dos deseños das axencias e deseñadores incluidos, estamos máis que contentas co resultado. 
Iniciativas coma esta son as que fan ver, fóra das nosas fronteiras, o bo facer dos profesionais galegos. Noraboa a Creatividade Galega polo seu traballo e ánimo coa edición do ano que vén, na que sen dúbida tentaremos participar de novo. 

19.1.09

pecados de compostela


O pasado 4 de xaneiro abriu a súa grande porta acristalada Pecados de Compostela, unha tenda de lambetadas moi orixinal. Participar neste proxecto foi unha grande experiencia para nós. O dono de dita boutique do doce, Suso Varela, achegouse a ekinocio coa idea de abrir unha tenda singular, e comezamos a procura dun concepto de marca e de imaxe que se axeitase ao que tiña en mente.  Este home leva moitos anos no negocio das golosinas e coñece ben os hábitos de consumo deste tipo de produto polo que o primeiro que fixemos foi desmitificar algúns tópicos:
- Non son só nenos e nenas os que comen doces, todos somos consumidores.
- As lambetadas son un ben de consumo diario, non só de ocasións especiais.
- O cine ou os patios de recreo non son os únicos lugares onde gozar dos doces.
Entón... que son os doces para nós? Un pracer, unha obsesión, unha adicción, un agasallo... un pecado? un pecado que se pode cometer a diario? en calquera lugar? 
7 pecados, 7 días da semana, 7 cores... unha tenda, urbana, práctica, divertida . O proxecto de interiorismo desenvolvéronno os de Q-adro (Compostela), que habilmente resolveron a particular forma do local. Traballar con eles é estupendo, teñen as ideas moi claras e un grande dominio de novos materiais e solucións. 
De Pecados de Compostela podes levar os doces nun vaso coma quen leva un café, nunha bolsa de papel, nunha caixa... e personalizalos coa mensaxe que máis che apeteza, dependendo do teu estado anímico ou da persoa a quen vas sorprender con eles.
Esperamos que vos guste a idea, as lambetadas seguro que si. 

por que ekinocio?


Como todas as historias, esta tamén ten un comezo. En marzo de 2004, unha conversa telefónica entre Barcelona e Compostela deriva nunha idea de futuro. Crear algo da nada, un reto para dúas cabezas pensantes con ganas de vivir a creatividade dun xeito distinto ao que estaban afeitas. 
Unha vez unidas xeográficamente emprendimos un vieiro que nos levou por moitas experiencias, agradables na súa maioría, e nos fixo coñecer a moitas persoas incribles que aportaron ánimo e ilusión (a todos grazas). 
Chamámonos ekinocio porque somos dúas metades iguais, coma o día e a noite que duran o mesmo nesa data, coma o equilibrio que damos cada unha a este proxecto... 
A partir de ese momento comezamos a vestir o noso soño e tamén os de outros. 

que somos?

Empresa de Compostela dedicada ao deseño gráfico, a publicidade e a comunicación.